Un pulo ao emprego a través das Unidades Formativas nas Empresas
Por Redacción
A tecnoloxía está a marcar a evolución da economía en Galicia, onde os novos modelos produtivos demandan profesionais axeitados para postos de traballo en continua evolución.
A Xunta mantén o seu compromiso na creación de emprego e unha aposta pola formación que permitirá adecuar os perfís profesionais á demanda do actual mercado laboral e garantir que as competencias estean aliñadas coas necesidade do tecido empresarial.
A Axenda Industria 4.0 prevé un conxunto de medidas para impulsar un novo modelo industrial entre o tecido empresarial galego, competitivo na economía global e conectado. Nesta folla de ruta, impulsada pola Xunta, prevese a formación como un dos compoñentes necesarios do programa de reforzo das persoas e das organizacións, así como a necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria.
UNIDADES FORMATIVAS NA EMPRESA
Neste eido, a Xunta vén de lanzar unha nova edición das Unidades Formativas en Empresas, unha iniciativa pioneira coa que se poñerán en marcha 500 cursos nos que se formarán 4.500 persoas ocupadas e desempregadas.
Ata o 30 de outubro está aberta a presentación de solicitudes á convocatoria de Unidades Formativas para ocupados, dotada con 5 millóns de euros.
Pola súa banda, as Unidades Formativas para desempregados contarán con 3 millóns de euros de orzamento, e destinaranse a formar a máis de 1.500 parados a través de 100 cursos, cun compromiso directo por parte das empresas de contratar polo menos ao 40% dos participantes nesta iniciativa.
Este programa de formación á carta nas empresas é o máis ambicioso de todo o Estado e marca un paso máis na adaptación á realidade da industria e á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo galego.
AXENDA 20
A formación é unha prioridade para a Xunta de Galicia que, a través das Unidades Formativas nas Empresas, aposta por impulsar o emprego estable e de calidade para o novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento.
Este programa enmárcase na Axenda 20, unha folla de ruta que se centra en 3 retos: fomentar o emprego de calidade estimulando o emprego indefinido a tempo completo; reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral; e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes de emprego e ás empresas.
Para lograr estes obxectivos, desde a Xunta estase a fomentar a formación con compromiso de contratación e os incentivos á inserción laboral das persoas traballadoras desempregadas que se forman nas unidades formativas.
Desde a posta en marcha o ano pasado deste programa, máis de 7.100 persoas desempregadas ou ocupadas puideron formarse a través de 690 cursos. Así mesmo, esta aposta de Galicia pola formación permitirá a incorporación de 41 novas especialidades no catálogo formativo do Servizo Público de Emprego Estatal, a proposta e en resposta á demanda das empresas.