Un condutor drogado e sen carné tenta esquivar un control no Vao, dáse á fuga e impacta contra un muro
Por Redacción
A Policía Local de Poio detivo un veciño de Pontevedra de 30 anos nas inmediacións do poboado do Vao tras protagonizar na tarde do xoves unha perigosa fuxida dun control policial.
O mozo ten antecedentes por tráfico de drogas e, nesta ocasión está investigado por catro delitos: condución temeraria, atentado a axentes da autoridade, condución baixo a influencia de drogas e por condución cunha perdida de vixencia no permiso de conducir.
Os feitos ocorreron sobre as 19.25 horas, cando unha patrulla realizaba labores de control e vixilancia nos accesos ao Vao de Arriba dentro do operativo de prevención de delitos e infraccións e observou que un turismo Peugeot 206 de cor granate e placas de matrícula portuguesas conducido por un home tentou esquivar o control.
Así, o turismo incorporouse desde o poboado á avenida principal sen respectar o sinal de Stop e de maneira brusca en sentido Pontevedra pola avenida da Barca. Na súa fuxida, puxo en concreto perigo a integridade física dos policías, realizando unha condución temeraria e sen respectar as normas de circulación.
Os policías comezaron a procura do fuxido, pero perderon de vista ao condutor. Aos poucos minutos, recibiron a chamada telefónica dun veciño que dicía sufrir danos no muro da súa vivenda na zona da Caeira. O vehículo implicado era un 206 con placas portuguesas, o mesmo que o da fuxida.
Os axentes desprazáronse ao lugar e detiveron ao condutor, ao que observaron claros síntomas e signos de estar baixo a influencia de drogas tóxicas. Sometérono ao test de drogas e deu resultado positivo.