A vendima da D.O. Rías Baixas suma máis de 32 millóns de quilos de uva
Por Redacción
A vendima na Denominación de Orixe Rías Baixas recolleu 32 millóns de quilos de uva na súa maioría de variedades brancas.
A pasada fin de semana a maior parte das adegas botaban o peche á vendima 2019. As máis atrasadas serán aquelas empresas pendentes de recoller sobre todo as variedades tintas de Rías Baixas, que representarán en torno ao 0,80% da produción total da colleita.
Segundo valorou o consello regulador, a presente vendima desenvolveuse "con tranquilidade e a un bo ritmo nun viñedo que se atopaba nun bo estado sanitario e vexetativo". O resultado é unha "uva sa e con boas gradacións", a falta de verificar os equilibrios dos mostos.
O que si estiman é que "será unha añada de calidade e moi aromática".
Segundo explica o director técnico do consello regulador, Agustín Lago, "en xullo, segundo desenvolveuse o ciclo vexetativo, xa se estimaba que os acios fosen máis pequenos e menos pesados. De feito, a falta de choivas en agosto e, mesmo, principios de setembro motivou que estes acios pesen menos do previsto inicialmente no noso informe de estimación vendima e que descendesen máis os quilos de uva".
As previsións apuntaban en xullo a un descenso respecto a 2018 en torno ao 6%, pero que ata o momento materializaríanse en case o 16,9% con 32 millóns de quilos de uva.
25 auditores-veedores son os responsables de velar polo bo desenvolvemento desta vendima 2019, así como polo cumprimento do prego de condicións. Nel recóllese que a colleita en Rías Baixas realízase toda a man e en caixas normalizadas con 20 quilos de capacidade.
Como curiosidade, este ano as adegas da subzona do Salnés terminaron máis pronto que o resto de subzonas, mesmo daquelas que foron máis madrugadoras e teñen por costume finalizar antes.
Na actualidade, este consello regulador conta con 177 adegas rexistradas. A superficie da denominación de orixe abarca 4.053 hectáreas repartidas entre 21.877 parcelas nas que traballan 5.177 viticultores.