SmartPeme lanza a súa propia aplicación móbil
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este xoves unha nova aplicación informática deseñada como ferramenta para permitir a todas as pequenas e medianas empresas, persoas emprendedoras e autónamas da provincia pedir citas inscribirse en talleres, ler noticias de interese ou ter notificacións en función dos seus intereses.
Esta iniciativa está enmarcada nas accións que leva a cabo o SmartPeme, que é como se denomina á rede de oficinas que a Deputación ten distribuídas nas diferentes comarcas da provincia de Pontevedra, atendidas por especialistas, onde se presta un servizo de información e asesoramento gratuíto, presencial e personalizado sobre as TIC (tecnoloxías da información e comunicación), as novas tecnoloxías e a mellora da competitividade empresarial.
Carmela Silva expresou a súa "satisfacción polo funcionamento e capacidade que demostra o SmartPeme con novas propostas que permiten ser máis eficaces e chegar a máis xente grazas ás TIC".
Neste sentido o deputado Carlos López Font referiuse a SmartPeme como "la joya de la corona" situándoo coma "ejemplo de un programa que funciona y facilita mucho que las ideas de la gente salgan adelante".
A presidenta provincial definiu á nova aplicación como "áxil, intuitiva e informativa" e está xa dispoñible para dispositivos Android e iOS.
Segundo os datos facilitados por Carmela Silva, "no Estado, o 97% das persoas conéctase a Internet a través do seu smartphone, e un 32% úsao como único medio de conexión" e por iso é polo que considera que esta app é "fundamental".
Por outra banda, a rede SmartPeme asesorou entre outubro de 2018 e setembro de 2019 a máis de 2.000 persoas. Máis de 2.300 asistiron aos talleres e preto de 5.000 persoas están subscritas ao boletín.