Marín instala unha gaiola na azotea do mercado para atrapar pombas e gaivotas
Por Redacción
Marín segue inmersa na súa campaña de control das poboacións de pombas e gaivotas. Este mércores, a concelleira de Medio Ambiente, Marían Sanmartín, supervisou a instalación dunha nova gaiola na azotea do mercado de abastos por parte dos operarios da empresa Larus Control, que se encarga desta tarefa no municipio marinense.
Con esta medida pretenden minimizar as consecuencias da presenza de pombas na contorna da praza. A gaiola ten especio para albergar a 50 exemplares, así como auga e comida para unha semana, frecuencia coa que os técnicos acoden a revisar as trampas para baleiralas.
As pombas atrapadas son trasladadas o centro de control da empresa. Alí as desparasitan e avalían. Algunhas adoitan estar enfermas ou feridas, polo que acaban sendo sacrificadas. As sas son liberadas en espazos naturais. Trátase dunha medida que garante a viabilidade das poboacións ao permitir que só os exemplares sans se reproduzan e estas enfermidades non sexan transmitidas ás novas xeracións.
Nos tres anos que Larus leva realizando o control poboacional de pombas comúns en Marín, o censo desta especie pasou de 2.000 a só 350 individuos. No que vai de ano, a través do uso destas gaiolas retiraron xa 297 pombas.
No caso da gaivota patiamarela, a campaña de control de poboacións encara xa o seu quinto ano cunha gran acollida entre os veciños, que adoitan chamar á empresa para alertar da presenza de niños nos seus tellados. No 2017 inspeccionáronse 336 tellados para retirar 173 niños, 242 ovos e 78 polos. Ao ano seguinte, a visita a 313 tellados saldouse coa eliminación de 176 niños, 238 ovos e a captura de 50 crías. Este ano levan 237 tellados revisados coa retirada de 144 niños, 197 ovos e 67 pitos.
Ademais do servizo desta empresa, o Concello levou a cabo iniciativas como a retirada de residuos do exterior do mercado que supuxo a eliminación dun punto de alimentación destas aves ou o control de edificios abandonados con pombais descontrolados, dirixidas a paliar a proliferación destas especies.
Relacionadas:
-
Marín retomará en maio o control de pombas e gaivotas
Por Redacción |
-
Marín retira 100 niños de gaivota e limita a 300 exemplares a poboación de pombas
Por Redacción |
-
Marín mantén baixo control as súas poboacións de pombas e gaivotas
Por Redacción |
-
As campañas de control permitiron reducir de 2.000 a 350 a poboación de pombas en Marín en catro anos
Por Redacción |
-
O vello centro de saúde da Casa do Mar de Marín albergará un centro sociosanitario
Por Redacción |
-
Marín mantén baixo control a pombas e gaivotas
Por Oskar Viéitez |
-
Marín controla as gaivotas e as pombas para evitar a superpoboación
Por Redacción |
-
Marín retira 472 pombas e 173 niños de gaivota
Por Redacción |
-
Medio milleiro de pombas menos en Marín tras as campañas de control
Por Redacción |