O Samaín Briz será o 31 de outubro e incorporará un obradoiro de cabazas e un espazo gastronómico
Por Redacción
As concelleiras Marián Sanmartín, Elisa Dopazo, Raquel Soage e Cristina Acuña presentaron este martes na Finca de Briz o cartel da nova edición do Samaín Briz, que terá lugar o próximo 31 de outubro neste enclave único da vila.
Durante a rolda de prensa, as representantes do Concello de Marín estiveron acompañadas por integrantes da Fundación Juan XXIII, a comparsa Os da Caña e a empresa Koremi, que tamén forman parte do comité organizador desta festa.
A Finca de Briz será decorada integramente para a ocasión. De feito, durante os días previos á festa estará pechada ao público, a excepción da zona da lagoa para dar acceso ás dependencias de Servizos Sociais, a escola municipal de música e ao quiosco, que estarán abertas ao público durante o seu horario habitual.
O Concello contratou os servizos da empresa Koremi, que axudará no deseño da "Camiñada de terror para valentes", dirixida especialmente a adultos ou menores acompañados. No que respecta á "Camiñada do espanto para principiantes", pensada máis para menores e aquelas persoas que prefiran un nivel de terror máis contido, serán os integrantes da comparsa Os Da Caña os que axuden na súa creación e desenvolvemento.
ACTIVIDADES PARALELAS
O día 31 de outubro é non lectivo nos centros escolares marinenses, por iso pola mañá haberá un obradoiro de cabazas na Alameda de Rosalía de Castro, cuxos resultados se exhibirán despois na Finca de Briz.
A partir das 18,30 horas e ata media noite, a Finca de Briz estará aberta para gozar das camiñadas, que se complementarán coa actuación dun mago, bailes das “zumbis”, música e haberá un espazo gastronómico, no que se poderán degustar alimentos típicos desta época do ano: castañas, filloas, chouripáns, entre outros.
O Concello recomenda que se leve un calzado cómodo, que permita camiñar por zonas de terras sen perigo de esvarar. Por outra banda, é conveniente levar lanterna e roupa que se poida mollar ou ensuciar.
As concelleiras animaron a que todas as persoas que asistan, acudan disfrazadas ou, polo menos, caracterizadas de Samaín.
Relacionadas:
-
Máis de 3.000 participantes consolidan o Samain Briz como festa de referencia
Por Redacción |
-
O Samaín de Briz non ten medo da choiva
Por Redacción |
-
Un plan especial de tráfico facilitará a participación e estacionamento no Samaín Briz
Por Redacción |
-
A iluminación LED chega á alameda de Marín
Por Redacción |
-
Marín comeza a preparar a nova edición do Samaín Briz
Por Redacción |