A esencia das alfombras de Bueu viaxa cara o IV Encontro Internacional de Uriangato
Por Redacción
Tres alfombristas de Bueu viaxarán ata México para participar no IV Encontro Internacional de Alfombristas de Uriangato, un acto previsto entre o 4 e o 6 de outubro que organiza a Asociación La Octava Noche de Uriangato, de Guanajuato.
Trátase dun acontecemento internacional, que o concelleiro de Cultura, Xosé Leal e a presidenta da Asociación de Alfombras de Bueu, Carmen Santos, anunciaban este martes.
Alí, os participantes da expedición española entre os que se atopan alfombristas de Bueu, Burela e Carrión de los Condes realizarán na localidade mexicana un tapiz floral. Este traballo de cinco metros baséase, segundo Carmen Santos, nunha visión cósmica coa que transmitirán valores internacionais como a igualdade, a convivencia pacífica e as referencias á unión entre os pobos que se manifesta no Camiño de Santiago.
Este tapiz realizarase con flores e algúns materiais relacionados co mar. Bueu participa desde 2017 neste encontro ao que este ano tamén acudirán delegacións de Xapón, Bélxica, Alemaña, India, Italia, Guatemala, Veracruz, Tiaxcala e Michoacán, ademais de representantes de tres municipios mexicanos.