O BNG esixe a dimisión dunha concelleira do PP na Lama recén contratada pola Deputación
Por Redacción
A concelleira do BNG no Concello da Lama Erundina Louro solicita a "dimisión inmediata" da edil do PP no municipio María Luz Pontevedra "debido á súa recente contratación por parte da Deputación de Pontevedra para desempeñar labores de Tecmadora de Asfalto no Concello de A Lama".
A nacionalista realizou esta solicitude de dimisión no pleno ordinario da Corporación alegando que "é intolerábel" que a concelleira aceptara este traballo e que "debe dimitir do seu posto ou renunciar ao posto de traballo". Pide, así mesmo, que a Deputación de Pontevedra "aclare este tipo de contratacións claramente favoritistas cara membros do PP".
Segundo indica o BNG nun comunicado, "dende as filas 'populares' afirman sentirse indignados ante tal proposta xa que consideran que todo o mundo ten dereito a traballar, aínda que sexa concelleira do grupo de goberno".
A concelleira nacionalista non coincide con esta argumentación e bota man das estatísticas de emprego do mes de agosto do 2012 para reafirmarse na súa solicitude de dimisión, pois "figuran no Concello da Lama 259 desempregados, destes 126 mulleres e 46 mozos e mozas sen emprego anterior" mentres que a concelleira do PP "casualmente, xa é a terceira vez que é contratada para realizar labores para o Concello de A Lama".
Así, segundo un informe asinado por Jorge Canda o 26 de setembro do 2012, ao que fai referencia o BNG no comunicado, "esta traballadora prestou servizos para o Concello de A Lama durante un período de nove meses entre os anos 2010 e 2011, con cargo ao programa de Cooperación da Xunta de Galicia, e seis meses nos anos 2011 e 2012 con cargo ao mesmo programa de Cooperación".
A edil nacionalista tilda o proceso de "electoralista e pagafavores"
O grupo municipal do BNG ten "constancia de denuncias presentadas por particulares a este proceso de selección aludindo a diversas irregularidades no proceso" e califica o procedemento no que resultou contratada a edil do PP de "electoralista e pagafavores".
"Por parte da Deputación de Pontevedra e o señor Louzán as irregularidades foron contínuas e pouco éticas con persoas que debido á súa situación laboral o están a pasar realmente mal", sinala Erundina Louro.