O goberno local de Moraña quere aprobar a rebaixa dun 10% da taxa do lixo
Por Redacción
O goberno local de Moraña xa ten listo todo o expediente para proceder á modificación, no pleno do xoves, da ordenanza municipal do servizo de limpeza e recollida de lixo, que pretende introducir unha rebaixa xeral da taxa do 10% grazas á adhesión do Concello á bonificación aprobada pola Xunta para os municipios que participan do sistema de tratamento de Sogama.
Deste xeito, este tributo, que xa é dos máis asequibles de Galicia, quedará fixado en 32,45 euros anuais para as vivendas da zona urbana e en 21,64 no ámbito rural, mentres que os negocios pagarán entre 32,45 e 64,91 segundo a súa tipoloxía.
Ademais, o Concello de Moraña delegou as súas competencias urbanísticas na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta de Galicia hai dez anos e agora vai afrontar unha ampliación da cesión destas tarefas en materia de vixilancia e control urbanístico a favor desta entidade.
Esta medida, que será debatida e presumiblemente aprobada tamén no pleno do vindeiro xoves, formalizarase a través dunha ampliación do convenio asinado en 2009.
En virtude do novo acordo, a APLU poderá resolver os recursos administrativos que se presenten en Moraña por cuestións urbanísticas, que ata a data tiñan que ser resoltos polo Concello previo informe desta axencia, o que permitirá afrontalos de xeito específico e con maior grao de especialización.
Ademais, o novo convenio ao que se vai sumar Moraña tamén conta cun réxime de financiamento máis beneficioso para a administración local, xa que poderán dedicarse máis fondos das multas e sancións urbanísticas impostas na reversión e mellora do territorio degradado.