Moraña homenaxea aos seus maiores na súa vixésima Festa da Terceira Idade
Por Redacción
Vinte anos leva Moraña homenaxeando aos seus maiores e este 2019 non ía ser unha excepción. Preto de cincocentas persoas participaron na Festa da Terceira Idade, que este sábado se celebrou no pavillón municipal.
A xornada festiva arrancou pola mañá coa charla informativa Para o amor e o sexo non hai idade, que se celebrou na Casa da Cultura cunha elevada afluencia de público. Posteriormente, no mesmo espazo tivo lugar unha misa solemne para os participantes nesta celebración.
Tras o oficio relixioso, a festa trasladouse ata o pavillón municipal, onde se desenvolveu o multitudinario xantar popular coa presenza de 500 comensais.
Despois da comida houbo diversas actuacións musicais e foron entregados, por parte da alcaldesa, Luisa Piñeiro, os premios aos asistentes de maior idade que non foran homenaxeados anteriormente nesta festa.
Nesta ocasión foron distinguidos María del Pilar Novás Ruibal, de 92 anos, e Eladio Fuentes Bugallo, de 87.
Xa no serán, a Festa da Terceira Idade concluíu co Festival de Bandas de Música, no que participaron formacións de Vilaboa, Candeán e os anfitrións de Nova Lira.
A rexedora local calificou esta festa como "fundamental para recoñecer o traballo e a traxectoria vital das nosas persoas maiores, que foron clave para que poidamos gozar hoxe en día do progreso e do dinamismo do noso concello".