Medio milleiro de persoas participan na terceira Xuntanza da Terceira Idade de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A carballeira de San Xusto acolleu este sábado a terceira edición da Xuntanza da Terceira Idade de Cerdedo-Cotobade, evento de confraternización veciñal no que participaron 450 veciños e veciñas do municipio.
A xornada festiva comezou cunha misa solemne e ao longo de todo o día os asistentes gozaron coas actuacións musicais do Trío Sabor. A continuación, tivo lugar o multitudinario xantar popular baixo carpa cun menú a base de produtos típicos da terra.
Xa na sobremesa, procedeuse ao habitual sorteo de agasallos e á entrega de premios aos asistentes de maior idade, que recaeron en María Segunda Bouzas Ogando, de 96 anos e veciña da parroquia cotobadesa de San Xurxo de Sacos, e en Amado Barros García, de 90 anos e procedente de Fondós, na parroquia cerdedense de Quireza.
Os actos, que estiveron encabezados polo alcade, Jorge Cubela, e o xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar da Xunta, Perfecto Rodríguez, tamén contaron coa presenza do deputado provincial Carlos López Font e da práctica totalidade dos membros da corporación municipal.
Esta xornada dedicada á terceira idade, segundo destacou Cubela, "é moi merecida e necesaria para honrar e outorgar un día especial de lecer e homenaxe ás persoas maiores, que traballaron arreo polas súas familias e polo progreso deste concello durante décadas".