O prezo medio da vivenda en Pontevedra cae un 3,8% no último ano
Por Alejandro Espiño
Aínda que poida parecer o contrario comprar unha vivenda en Pontevedra é hoxe máis barato que hai un ano. Así o acredita un estudo dun portal especializado, referencia no sector inmobiliario, que certifica que na Boa Vila o prezo medio da vivenda terminada caeu un 3.8% con respecto ao terceiro trimestre de 2018.
A situación do mercado en Pontevedra -e en gran parte de Galicia excepto Ourense e Lugo- contrasta co aumento de prezo que se segue rexistrando en gran parte de España.
O informe de Tinsa IMIE Mercados Locais destaca ademais que Pontevedra, xunto coas cidades de Ciudad Real, Oviedo, Badaxoz e Teruel, están neste momento nos seus mínimos históricos de prezos desde que comezou a crise, que os expertos sitúan en 2007.
Actualmente, o prezo medio por metro cadrado na cidade de Pontevedra sitúase nos 1.099 euros, un nivel que segundo Tinsa é un 35.5% menos que o máximo histórico alcanzado na venda de vivendas antes da crise.
A outra gran cidade da provincia arroxa datos similares aos da capital. Así, en Vigo o prezo medio da vivenda terminada, un rexistro que agrupa tanto ás novas promocións como ás casas de segunda man, caeu un 2.4% no último ano.
En Vigo son 1.287 euros por metro cadrado o que, de media, debe pagar un comprador interesado en adquirir un inmoble.
O custo medio dunha vivenda na provincia pontevedresa tamén se reduciu un 3.3%, segundo os datos recollidos neste informe. É unha das 22 provincias de toda España na que se rexistraron estes descensos que, no caso da nosa rexión, sitúa en 1.067 euros o custo por metro cadrado.
Con estes datos, a hipoteca media que un pontevedrés solicita para comprar unha vivenda situouse neste terceiro trimestre de 2019 nuns 107.457 euros, o que supón unha cota duns 512 euros mensuais.