Poio presume dun renovado campo de fútbol da Seca
Por Redacción
Os clubs deportivos de Poio recuperan un dos seus equipamentos máis senlleiros. O campo de fútbol da Seca reabriu este venres as súas portas tras a colocación do seu céspede sintético e as diferentes melloras que se executaron durante os últimos meses.
A inauguración estivo presidida polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, e dos deputados provinciais de Deportes, Gorka Gómez, e de Infraestruturas, Gregorio Agís.
Nos traballos de mellora deste equipamento deportivo investíronse 415.715 euros, que foron financiados cunha achega da Deputación ao abeiro do Plan Concellos 2018.
A principal actuación na Seca foi a substitución do céspede natural por un sintético de maior resistencia e menor coste de mantemento.
Ademais, cambiouse tamén o sistema de rego e drenaxe, mellorouse a contorna do campo co pavimentado en formigón e a instalación dunha varanda no perímetro e se dotou ás instalacións de novos equipamentos como porterías, bandeiras de córner, dous bancos cubertos e un marcador electrónico.
A realización destes traballos permitirá agora unha mellor coordinación na programación dos adestramentos e partidos federados ou de fútbol afeccionado entre este campo da Seca e o da Reiboa, onde xogan os nenos e nenas de fútbol base das escolas municipais de Poio, así como a Cultural de Poio e os equipos de veteranos.
Tras a mellora, poderán utilizarse de maneira simultánea ambas instalacións deportivas.