Preocupación en Barro por un incendio no polígono de Sequeiros
Por Redacción
Ata cinco dotacións de bombeiros dos parques de Ponteveda e O Salnés foron mobilizados para sufocar un incendio iniciado na zona industrial de Sequeiros, na parroquia de Curro, en Barro. Segundo as primeiras informacións, afecta a dúas naves.
O lume declarouse sobre as 17.50 horas deste venres e provoca unha gran fumareda negra que xerou gran alarma e preocupación non só en Barro, senón a varios quilómetros de distancia, pois é visible desde distintos puntos das comarcas de Pontevedra e Umia.
Segundo a información que manexa a Garda Civil, o incendio orixinouse nunha nave que se dedica ao tratamento de colchóns e propagouse a outra construción contigua na que se sitúa un serradoiro.
As primeiras estimacións realizadas polos equipos de seguridade e extinción indican que non hai risco para as vivendas da zona, nas inmediacións do antigo campo de fútbol de Sequeiros.