Cuntis encarga un estudo técnico para buscar o mellor lugar para unha escola infantil pública
Por Redacción
Todos os partidos políticos con representación na corporación municipal de Cuntis apoiaron por unanimidade empezar a traballar para a instalación dunha escola infantil pública no municipio, aínda que non se poñen de acordo sobre cal será a mellor localización e farase un estudo técnico para determinalo.
O asunto debateuse no pleno da corporación celebrado este xoves a través dunha moción do grupo municipal de Veciñanza, que propón instalar esa ecola infantil na parroquia de Arcos de Furcos, na antiga escola unitaria. O resto de partidos apoiou a esencia, pero foi obxecto de diferentes propostas por parte dos outros grupos políticos.
Así, o PSOE, que goberna o municipio, propuxo para estas instalacións o edificio do vello concello, mentres que o PP é partidario de elixir a coñecida como A Casa do Médico e xurdiron outras propostas como crear un edificio anexo ao actual centro de día.
Segundo deu a coñecer o Concello, o grupo de goberno socialista comprometeuse a encargar un estudo técnico externo no cal se valoren todas as opcións que se puxeron sobre a mesa.
O pleno ordinario da corporación tamén acordou este xoves que os festivos locais sexan os días 25 de febreiro (martes de Entroido) e o 18 de agosto (San Antón) e aprobou o expediente de modificación de crédito e ampliación de subvencións nominativas ata os 65.100 euros, que beneficiará a diferentes clubes deportivos e asociacións, á Fundación Terra Termarum e ao CPI Aurelio Marcelino Rey García.
Todos os grupos políticos apoiaron ademais unha moción de apoio á campaña de Emerxencia Feminista promovida polas organizacións de mulleres do Concello con motivo da acción xa realizada o pasado o 20 de setembro.
Durante o Ppleno, o alcalde, Manuel Campos, instou o voceiro do grupo municipal do PP, Manuel Vázquez, a reclamar á Xunta de Galicia a posta en marcha dun Plan Concellos similar ao que ten en marcha a Deputación de Pontevedra, para achegar fondos aos proxectos dos gobernos locais. Busca que os veciños e veciñas de Cuntis "poidan decidir libremente onde gastan os seus cartos".