Poio esixe a Xestur que estude a viabilidade do polígono de Fragamoreira
Por Redacción
O goberno municipal de Poio non renuncia ao polígono industrial de Fragamoreira. Nun novo intento por desbloquear a situación, o Concello vén de solicitar á Xunta de Galicia que estude a viabilidade que tería a súa posta en marcha.
Foi nun transcurso da xuntanza que mantiveron en Santiago os edís Xulio Barreiro, Gregorio Agís e Silvia Díaz con representantes de Xestur Galicia, sociedade que xestiona os polígonos industriais galegos.
Ademais de trasladar a "prioridade" que este polígono supón para Poio, os concelleiros lograron que Xestur se comprometa a rozar e limpar os terreos que son da súa propiedade.
Os responsables do Concello de Poio manifestaron ao ente autonómico a importancia que o polígono ten para o desenvolvemento empresarial e económico do municipio.
Na xuntanza, segundo traslada o goberno municipal, valoráronse diversas vías para activar o polígono de Poio, entre elas dividir os terreos para comezar a súa posta en marcha por fases.
Outro dos asuntos tratados foi o de impulsar a reserva de solo por parte das empresas interesadas, a través da inscrición no rexistro de demandantes de solo empresarial de promoción pública de Galicia, a ferramenta telemática do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Buscan crear así un rexistro do interese que espertaría esta iniciativa.
Relacionadas:
-
Zona Franca, "disposta" a implicarse para impulsar o polígono de Fragamoreira
Por Alejandro Espiño |
-
Poio aborda con Augas de Galicia a mellora dos servizos en Fragamoreira e Vilariño
Por Redacción |
-
Desatascar Fragamoreira, novos equipamentos e un vial alternativo á PO-308, prioridades para o BNG
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE acusa a Javier Domínguez e Ángel Moldes de provocar que Froiz non constrúa en Fragamoreira
Por Redacción |