Bueu busca aspirantes a impartir clases de ximnasia de mantemento
Por Redacción
O Concello de Bueu abre o prazo para que as persoas interesadas participen no proceso de contratación do posto de monitor deportivo. Este xoves publicáronse as bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e establécese un prazo de cinco días hábiles.
A contratación vai realizarse en réxime laboral temporal e o traballo consistirá en impartir das clases enmarcadas no programa 'Bueu Concello Saudable 2019-2020' . As actividades para impartir serían ximnasia para maiores, de mantemento, para persoas con mobilidade reducida e con discapacidades, matrogimnasia, ximnasia prenatal, psicomotricidade e Pilates.
Aquelas persoas interesadas deberán presentar solicitudes no Rexistro do Concello ou a través das formas previstas na Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Cando finalice o prazo de presentación, está previsto que se publiquen as listaxes provisional e definitva. Ademais anunciarase a data para a proba selectiva, que consistirá nun exame escrito tipo test, de vinte preguntas, obrigatorio e eliminatorio. Entre os temas que deben estudar as persoas aspirantes atópanse a organización do deporte municipal, a execución e organización dun evento deportivo, os programas de animación deportiva, os aspectos fisiolóxicos da actividade físico-deportiva, os criterios de prevención de lesións deportivas ou a execución de programas deportivos para diversas persoas.