Comezan os traballos de adoquinado e mellora da praza do Conde en Covelo
Por Redacción
Este mércores 25 de setembro comezaban as obras de humanización da Praza do Conde, na parroquia de Covelo no Concello da Lama.
O alcalde Jorge Canda acompañado por David Carrera, tenente de alcalde, comprobaron o arranque destes traballos coa substitución do pavimento actual por outro empedrado coa intención de que este espazo coincidan peóns e vehículos. Esta obra conta co financiamento da Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia.
Dotarase de luces led no perímetro da praza coa intención de que se reduza o impacto visual que provocan os farois.
Segundo o goberno local, instalaranse dispositivos nas proximidades do chan que mellorarán a visibilidade nocturna nesta zona do mesmo xeito que se vai realzar a estatua de Manuel Barreiro Cabanelas, o coñecido Conde Cabanelas, que foi o principal benefactor do barrio. Aproveitaranse estas obras para retirar os cables eléctricos que se atopan instalados sobre a praza.
O alcalde indicou que se quere durante este mandato potenciar os núcleos rurais con actuacións que melloren a calidade de vida da veciñanza e actualízanse recursos e a imaxe externa dos lugares.