Os tres colexios públicos de Cerdedo-Cotobade terán Plan Madruga ata 2023
Por Redacción
Ata 24.000 euros destinará o Concello de Cerdedo-Cotobade para financiar o Plan Madruga nos tres colexios públicos do municipio, situados en Carballedo, Tenorio e Cerdedo.
Con esta achega ás tres asociacións de nais e pais, o goberno local sufragará aproximadamente o 50% desta asistencia, de xeito que o custo do Plan Madruga para as familias sexa de 21 euros mensuais no canto dos 42 que cobra a empresa encargada do mesmo.
Este servizo, que inclúe o almorzo, préstase de 7.30 a 9.00 horas para favorecer que os cativos estean coidados e desenvolvendo actividades na franxa previa ao inicio das clases mentres os seus proxenitores desprázanse aos seus centros de traballo ou a realizar as súas tarefas diarias.
Cada unha das tres ANPAS recibirán 2.000 euros anuais, ao entender o Concello que é un sistema "máis eficiente" ao permitir que as nais e pais controlen de xeito directo un servizo do que se benefician os seus fillos.
As asociacións, segundo traslada o Concello, agora xestionarán a recepción de solicitudes para determinar se, como parece, hai demanda de nenos e se activa o programa.