O Espazo +60 Afundación de Pontevedra comeza un novo curso cheo de novidades
Tras o descanso estival, o Espazo +60 de Afundación de Pontevedra, situado no Café Moderno, retoma a súa actividade. Desde o pasado 2 de setembro, os corredores deste emblemático edificio reciben os máis de 1370 socios e socias de entre 55 e ata 90 anos que participarán durante este curso nas 65 actividades de diferentes temáticas que deseñaron desde a área de Envellecemento Activo da Obra Social de ABANCA. O obxectivo é fomentar a aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de proxectos interxeracionais e de voluntariado. De maneira transversal, estes programas buscan igualmente a creación de oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas, promovendo unha imaxe social desta poboación afastada de estereotipos.
"O incremento da esperanza de vida representa un gran logro social que, xunto cos cambios nos perfís das persoas maiores con estilos de vida máis activos e independentes, obríganos a repensar o noso curso de vida, a construción social da vellez e o modo de afrontar este período vital cuxo inicio cada vez é máis difuso" afirma Sabela Couceiro, coordinadora da área de Envellecemento Activo de Afundación. "Neste contexto da revolución da lonxevidade, desde Afundación temos o reto de seguir innovando para desenvolver un modelo adecuado ás novas necesidades e expectativas das persoas maiores".
E precisamente para conseguir este reto, o novo curso no Espazo +60 de Pontevedra preséntase con numerosas novidades co deber de dar resposta ás necesidades e expectativas deste colectivo e adaptarse aos novos e diversos perfís que se incorporan, cun maior nivel de instrución e de manexo da internet. Dado que a saúde é a principal preocupación das persoas maiores, hai unha ampla programación que contempla numerosas actividades dirixidas a favorecer o benestar, realizando exercicio físico adaptado a distintas situacións, exercitando a memoria, con talleres de educación emocional, prevención de caídas ou actividades divulgativas como a "Aula de saúde" co doutor Iago López.
Unha das novas propostas que maior acollida cultivou foi "Iniciación á historia da arte", dentro da liña de Formación e coñecemento, onde tamén podemos atopar os novos talleres de conversación de idiomas estranxeiros, como francés ou alemán, ou o programa de roteiros históricos e naturais.
Dentro de Cultura dixital acompañarán ás xa veteranas "Compra e vende na rede" ou "Uso de tabletas e móbiles" a nova "Manexo de iPhone", e finalmente, incluídas en Cultura e expresión artística, Afundación presenta un taller de canto tradicional e pandeiretas e un taller de lectura.
Ademais, dentro da prioridade estratéxica de entidade de identificar e desenvolver oportunidades para poñer en valor o talento e a experiencia vital e profesional do colectivo sénior, e de maneira particular para favorecer o intercambio cos mozos e o enriquecemento mutuo, Afundación desenvolverá novamente durante o curso escolar os proxectos "Falamos da escola" e "Fálame da emigración" que propician a celebración de encontros entre estudantes de secundaria de centros escolares de toda Galicia e maiores voluntarios socios dos Espazos +60 de Afundación para dialogar, no primeiro caso, sobre as súas vivencias na emigración, e no segundo sobre a experiencia escolar dos maiores. O proxecto de voluntariado inclúe tamén outras actividades nas que os voluntarios transmiten os seus coñecementos ou habilidades como talleres de idiomas, sobre patrimonio histórico e cultural, artesanía, aulas de saúde, música, teatro, contacontos, clubs de lectura, etc.