Detido un cambadés por danar 300 cepas de albariño por unha "rifa persoal"
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo a un veciño de Cambados ao que se lle acusa de esnaquizar, de forma supostamente intencionada, máis de 300 cepas de uva albariño na parroquia de Castrelo. O valor dos danos pode superar os 6.000 euros.
Segundo informa o Instituto Armado, o esclarecemento dos feitos levou a cabo por mor das imaxes de vídeo achegadas por un dos propietarios das leiras onde se produciron os danos, ao que lle cortaron 268 cepas.
Segundo as investigacións realizadas polos efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Cambados, a persoa identificada como suposto autor é "un veciño do mesmo municipio que desde hai anos mantén rifas persoais co propietario das cepas".
Dáse a circunstancia de que esta mesma persoa xa presentara varias denuncias en anos anteriores por danos intencionados en cultivos e viñedos.
As outras 33 cepas de albariño foron esnaquizadas o mesmo día noutra leira contigua propiedade doutra persoa, debido posiblemente a un erro de apreciación do autor, crendo que tamén era do mesmo propietario.
O presunto autor dos feitos foi detido e posto en liberdade coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexa requirido para iso. As dilixencias instruídas foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Cambados.