Moraña ofertará o sistema público de limpeza de fincas aos veciños
Por Redacción
O Concello de Moraña vai adherirse ao novo programa de prevención de lumes forestais de ámbito galego, impulsado pola Xunta tras asinar un convenio coa Fegamp, que permitirá, entre moitas outras cuestións, ofertar aos veciños que se beneficien do sistema público de limpeza de fincas xestionado pola entidade pública Seaga.
Deste xeito, os morañeses que posúan parcelas emprazadas nas franxas de protección de 50 metros dos núcleos residenciais poderán solicitar este servizo de roza e limpeza, que se oferta a un prezo reducido de 350 euros por hectárea.
A incorporación a este programa tamén permitirá que o Concello de Moraña teña acceso a un sistema eficiente de xestión da tramitación administrativa da limpeza de franxas e de comunicación cos seus donos, que se dispoña de axuda técnica para a elaboración do plan municipal de defensa de incendios con ferramentas administrativas e informáticas específicas e que se poida beneficiar dun visor das franxas coa última tecnoloxía para determinar as parcelas que se atopan nestes espazos coa súa referencia de titularidade catastral.
Ao abeiro deste convenio, vaise tratar de crear unha aldea-modelo de entre as corenta que se proxectan para toda a comunidade.
A mesma consistirá no establecemento dun modelo produtivo da terra mediante cultivos, de acordo cos propietarios das parcelas e os gandeiros e agricultores da zona, para evitar a limpeza permanente destas franxas todos os anos.