Cuatro busca pontevedreses con dotes negociadoras para o seu novo concurso de verán
Por Alejandro Espiño
Unha furgoneta negra párase xunto a un viandante e do seu interior sae unha persoa vestida cunha americana azul. Tranquilos, non se trata de ningún intento de secuestro. Ao contrario, ofrece a oportunidade de gañar moito diñeiro. Será Miguel Martín ou Raúl Gómez, os presentadores de Negocia como puedas, o novo concurso que Cuatro estreará próximamente e que este mércores buscou concursantes en Pontevedra.
Durante toda o día, o equipo do programa percorreu algunhas das rúas máis céntricas da cidade, entre elas Benito Corbal, onde estaban gravando este mediodía, ou a Praza da Ferrería, onde estiveron pola tarde, para atopar a pontevedreses moi extrovertidos e con capacidade de negociar como un auténtico tahúr. Son os dous requisitos para saír vencedores do reto que propón este programa, realizado en colaboración con Producciones Mandarina.
A mecánica de Negocia como puedas é moi sinxela. Raúl Gómez e Miguel Martín, coñecidos pola súa participación en programas como Caiga quien caiga e Otra movida, percorren España nunha furgoneta, buscando concursantes capaces de dominar a arte do regateo e das negociacións in extremis. Trátase de fomentar a frescura e naturalidade da xente da rúa, probar as súas dotes de negociación e combinalas con altas doses de dinamismo e un punto de tolemia
Os participantes terán que atopar, nun breve lapso de tempo, as respostas correctas ás preguntas dos presentadores usando a outras persoas que se atopen pola rúa. O concursante terá que 'comprarlle' a resposta ao viandante e pactar con el unha cantidade de euros sobre a base dunha cifra que a organización entregaralles en metálico instantes antes de formular a pregunta.
O concursante gañará a cifra que conserve trala negociación e o voluntarioso cidadán que lle axude levarase a cantidade pactada. Iso si, a condición de que a resposta sexa a correcta. Se o concursante supera con éxito toda a fase de preguntas, conseguirá unha bonificación engadida que se sumará ao diñeiro acumulado. "Isto é moi sinxelo: canto menos pagues á xente pola túa resposta, máis diñeiro gañarás ti", resume Raúl Gómez.
HERDEIRO DE "LO SABE, NO LO SABE"
Negocia como puedas toma como seus algún dos elementos que converteron a Lo sabe, no lo sabe nun dos grandes éxitos internacionais dos últimos tempos. A espontaneidade e a frescura do concurso que Juanra Bonet presenta cada noite en Cuatro elévanse á máxima potencia en Negocia como puedas. Agora son dous os presentadores 'á carreira' dispostos a repartir máis diñeiro por máis lugares da xeografía nacional nun concurso repleto de humor e emoción.