300 persoas asistirán ao XV Congreso de Ciencias do Deporte e a Saúde no Pazo da Cultura
Por Redacción
O Congreso internacional de Ciencias do Deporte e a Saúde chega a súa décimo quinta edición con dúas xornadas de duración e a presenza de ao redor de 300 persoas interesadas na educación física, saúde, deportes, rendemento deportivo e nutrición deportiva.
Este evento desenvolverase o 8 e 9 de novembro no Pazo da Cultura con 16 conferencias e máis de 100 exposicións de traballos de investigación relacionados con temas como a avaliación formativa, gamificación, innovación Fortnite EF, intelixencia, valores e ética a través do deporte, enfermidades hipocinéticas, factores psicosociais, necesidades psicolóxicas, sobrepeso e obesidade, oncoloxía e deporte, ademais de dietas para deportistas, control de adestramentos e termografía infravermella na prevención de lesións.
Este luns presentábase no Concello de Pontevedra este evento coa presenza do principal organizador, Víctor Arufe; representantes da Universidade de Vigo e da Secretaría Xeral do Deporte; ademais de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra que quixo resaltar que estes congresos, que contan con apoio municipal, crean emprego e xeran actividade económica a través do sector hostaleiro. neste sentido Víctor Arufe destacaba que un dos relatores da décima edición adquirira un piso en Pontevedra para veranear ao coñecer a cidade grazas ao congreso.
O congreso contará cunha visita guiada e con actividades culturais, que completarán a programación desta cita fundamental para todas aquelas persoas que se queren formar no campo saudable e deportivo.
A inscrición pode realizarse a través da web de Sportis e estará aberta ata o 27 de outubro con descontos para estudantado, persoas desempregadas, técnicos deportivos federados e colexiados de centros de Educación Física.