O Plan Nacional sobre Drogas poxará bens de Marcial Dorado e "Patoco"
Por Redacción
O Plan Nacional sobre Drogas poxará o 6 de novembro bens procedentes do branqueo de capitais do narcotráfico vinculados aos arousáns Marcial Dorado Baúlde e o falecido Manuel Abal Feijóo, "Patoco".
Segundo informa a xornalista Lucía Romero en páxinas de Diario de Arousa entre estes bens hai leiras na Illa e Ribadumia, unha nave en Castrelo (Cambados), pisos en Sanxenxo, o hotel Punta Lucero en Portonovo, a coñecida discoteca Pirámide, chalés en Gondomar e, o máis caro, un baixo comercial na rúa García Barbón de Vigo.
Na lista non figura a casa familiar dos Dorado, situada no lugar de Lagartiño (A Illa) e que foi escriturado a nome do Estado en febreiro. Esta e outras 180 propiedades como o aparcamento subterráneo da Praza de España, en Vilagarcía están pendentes de resolución xudicial dos recursos presentados por empresas que non foron condenadas por branqueo e que posuían participacións.
O Concello de Vilagarcía espera alcanzar un acordo co Plan Nacional sobre Drogas para comprar o aparcamento subterráneo da Praza de España.