Rueda pide que non se utilice a violencia machista para tentar sacar "vantaxe política"
Por Oskar Viéitez
O Centro Cultural de Cerdedo acolleu este sábado o I Congreso Provincial das Asociacións de Mujeres En Igualdade, no que participaron 150 persoas pertencentes a unha trintena de colectivos de Pontevedra.
Este congreso, que estivo organizado por Mulleres en Igualdade Cerdedo-Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas, contou cun importante respaldo da Xunta coa presenza do vicepresidente, Alfonso Rueda; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o director xeral de Gandeiría e ex alcalde de Cerdedo, José Balseiros; a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias; ou o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois; entre outros.
Na súa intervención o vicepresidente da Xunta, e presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, defendeu unha loita pola igualdade "de todas e todos sen exclusións" e destacou a necesidade de que esta loita implique a toda a sociedade.
Rueda expresou a súa "dor e condena" polos últimos crimes ocorridos en Valga e asegurou que "quen tente sacar vantaxe política deste tipo de casos non entendeu absolutamente nada".
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, esixiu "unidade de acción e colaboración por parte de todos, sen exclusións, para conseguir a igualdade, porque esta loita non é patrimonio de ninguén e non se conseguirá erradicar a lamentable violencia machista sen contar con toda a sociedade".
Pola súa banda a concelleira pontevedresa e deputada provincial, Pepa Pardo, tamén insistiu nesta mensaxe dicindo que "non deixedes que vos digan que a igualdade é patrimonio só dunhas cantas, é cousa de todos e só unidos se poderán dar pasos adiante".