Marín comeza a preparar a nova edición do Samaín Briz
Por Redacción
As concelleiras Marián Sanmartín, Raquel Soage e Elisa Dopazo reuníronse esta semana con representantes de Juan XXIII, co obxectivo de comezar a organizar a nova edición do Samaín Briz, unha iniciativa promovida o ano pasado pola Área de Medio Ambiente e Benestar Social, que tivo unha moi boa acollida por parte dos marinenses.
"Queremos que o Samaín en Briz sexa unha data de referencia en toda Galicia", explicou Marián Sanmartín, que considera que a finca ten un "enorme potencial" para poder levar a cabo nela actividades deste tipo, pensadas para toda a familia e cun engadido temático que lle aporta orixinalidade e diversión.
Tal e como se fixo o ano pasado, deseñaranse dous "roteiros do medo" de diferentes niveis. "Queremos optimizar mellor o espazo, redefinindo un pouco o traxecto, co fin de facer a experiencia máis intensa e adaptada para todos", afirmou a concelleira.
Así, ofertarase un percorrido con menos sustos e de menor dificultade, pensado especialmente para a mocidade de ata 8 ou 10 anos, e outro camiño, dirixido ao resto do público, será algo máis terrorífica e difícil.
Despois do éxito que tivo a edición do pasado ano, o Concello recolleu todas as recomendacións que os asistentes fixeron "e incorporaremos todas aquelas que poidamos para que este ano todo sexa aínda mellor a todos os niveis".
Nestes momentos, o equipo da Concellaría está inmerso na preparación do resto de actividades, paralelas aos roteiros, e no deseño da decoración e ambientación do parque, peza fundamental para converter á Finca de Briz nun lugar no que celebrar un Samaín de medo.
Relacionadas:
-
O Samaín de Briz non ten medo da choiva
Por Redacción |
-
Un plan especial de tráfico facilitará a participación e estacionamento no Samaín Briz
Por Redacción |
-
O Samaín Briz será o 31 de outubro e incorporará un obradoiro de cabazas e un espazo gastronómico
Por Redacción |
-
O Concello de Marín valora como "moi positiva" a masiva festa de Samaín na Finca de Britz
Por Redacción |