Ponte Caldelas ofrecerá cursos gratuítos de informática para os seus veciños
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas acaba de asinar un convenio coa empresa de comunicación Aurea para ofrecer cursos de informática en todas as parroquias do concello de maneira gratuíta.
O primeiro curso levará o título 'Internet básico no teu día a día, desde o computador'. Será un curso destinado a todo aquel que precise afondar no mundo do computador cun primeiro contacto co manexo do rato, da internet, redes sociais e navegación segura.
O obxectivo é que o alumnado coñeza como se pode usar Internet no día a día a través dos diferentes servizos que se ofrecen na rede. É por iso, que desde o concello buscan pasar pola maior parte de locais sociais ou casas do pobo de todo o concello e de todas as parroquias para así lograr un mínimo de 12 persoas para cada curso.
O número máximo de prazas que se oferta é de 24, pero en caso de superar esa cifra, a empresa ofrecerá dous cursos nese lugar. A duración será de catro horas divididas en dous días, é dicir, dúas horas cada día.
Todos os veciños e veciñas que queiran inscribirse, terán que facelo no propio concello de Ponte Caldelas dando o seu nome, idade e o pobo ao que pertence.
O alcalde, Andrés Díaz, espera que estes cursos "teñan unha gran aceptación entre os veciños" e augura un gran éxito na súa posta en marcha no rural.