Falece Moncho Abal, alcalde de Cotobade durante 32 anos
Por Redacción
José Ramón Abal Varela, máis coñecido como Moncho Abal e histórico alcalde Cotobade durante 32 anos, faleceu na tarde deste martes 2 de xullo aos 93 anos de idade.
O histórico alcalde será velado martes e mércores no tanatorio de San Mauro en Pontevedra e o xoves pola mañá será trasladado a Casa do Concello de Cotobade para ser velado polos seus veciños no lugar no que pasou máis de tres décadas. Pola tarde recibirá sepultura en Tenorio.
Alcalde desde 1971 ata 2003, Moncho Abal tamén foi deputado provincial polo PP durante seis anos, mantendo sempre unha gran implicación coa sociedade non só de Cotobade, senón tamén da cidade de Pontevedra, pola súa vinculación co mundo do deporte.
O actual alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, informou do seu pasamento cunha loa á súa labor como rexedor.
O presidente do PP provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, amosou seu pesar polo pasamento e incidiu na súa capacidade de traballo e entrega, salientando que "dedicou toda a súa vida a traballar polos veciños e veciñas de Cotobade", sendo un dos rexedores con maior apoio de Galicia.
O presidente dos populares na provincia de Pontevedra incidiu en que Moncho Abal foi un home "querido e respectado, que sempre soubo estar á altura das circunstancias e que quedará na memoria de todos nós como un exemplo de como exercer a política desde a cercanía, nunha relación directa e persoal cos administrados".
Nesta liña, Louzán lembrou que Moncho Abal "soubo gañarse o cariño do seu pobo polo seu carácter afable, campechano e aberto", características que soubo manter ao longo de toda a vida.