Natación, defensa persoal e xogos colectivos súmanse á oferta deportiva do campus
Por Redacción
A Universidade de Vigo propón un variado abano de servizos e actividades no campus pontevedrés.
O seu "produto estrela" será un ano máis o abono Muver, que ofrece acceso a sala de cardio-fitness e instalacións do Pavillón Universitario, descontos en diferentes iniciativas e a participación, sen coste adicional, en diferentes actividades, ás que se incorporan defensa persoal, xogos e deportes colectivos e natación.
Cun custo de 35 euros por cuadrimestre e de 60 ao ano para a comunidade universitaria e diferentes prezos para familiares, titulados e tituladas e persoas alleas á institución académica, o abono Muver contou o pasado curso con 679 usuarios.
Entre os servizos deste abono figuran unha serie de actividades dirixidas, como pilates, ciclo indoor e hit-cross training e ás que se suman este curso defensa persoal e xogos e deportes colectivos.
Ademais, a novidade para as persoas aboadas será a posibilidade de acudir, tamén sen custo adicional, á piscina do novo centro deportivo de Campolongo, nuns determinados horarios, a partires do 1 de outubro, que é a data prevista para a apertura desta instalación.
No Pavillón Universitario desenvolverase de novo unha actividade de adestramento personalizado, para grupos de un máximo de cinco persoas, cun custo de 50 euros por cuadrimestre.