Chan da Barcia estreará o seu novo céspede artificial en tres semanas
Por Redacción
Algo máis de 156.000 euros está a investir o Concello de Ponte Caldelas nos traballos para renovar o céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia. As obras, que executa a empresa Mecano Sport, estarán finalizadas nun tempo máximo de 20 días.
O actual céspede instalárase hai trece anos e tiña esgotada a súa vida útil. Era unha primeira xeración deste tipo de material que, ademais, deteriorouse aceleradamente pola falta dun mantemento adecuado.
A nova superficie de xogo do campo de fútbol terá unha vida útil de 20 anos ao estar confeccionada cos últimos adiantos tecnolóxicos e céspede homologado.
Ademais, para garantir a súa durabilidade será sometida a un plan de tratamento, con limpezas periódicas e un tratamento integral anual.
As obras consisten na colocación dos 6.720 metros cadrados da nova alfombra, previa aplicación dunhas 40 toneladas de area de sílice e, finalmente, o reparto doutras 30 toneladas de caucho.
A herba terá unha altura de entre 40 e 65 milímetros e a base elástica sobre a que se instalará terá un mínimo doutros 10 milímetros.