Predicción de chuvascos nas Rías Baixas para esta fin de semana
Por Redacción
As predicións do servizo de Meteogalicia anuncia que este xoves 19 continuará o aire frío en altura. As néboas e os ceos parcialmente nubrados presentaranse ao longo do día nas Rías Baixas. Rexistraranse chuvascos treboentos no interior con avance cara ao litoral ao longo do día. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso situándose entre os 15 e os 24 graos. O vento soprará frouxo de dirección variable e entrando en compoñente oeste pola tarde nas Rías Baixas.
Ao longo do venres 20 manterase a inestabilidade atmosférica. Os ventos de compoñente sur traerán moita humidade ao litoral pontevedrés. Os ceos estarán parcialmente cubertos durante a mañá, con nubes na franxa atlántica e brumas sobre o mar. Ao longo da tarde formaranse nubes de evolución interior. As temperaturas quedarán sen cambios ou con lixeiros descensos en toda a parte oeste de Galicia. O vento soprará moi frouxo de compoñente oeste no litoral.
O sábado, as Rías Baixas veranse afectadas polo paso dunha fronte fría que vén asociada a unha borrasca que se sitúa ao oeste de Irlanda, resto do furacán Humberto. O ceo presentarase moi nubrado e as choivas iniciaranse polo oeste durante a mañá e iranse estendendo a toda Galicia durante a tarde. As temperaturas mínimas serán suaves e as máximas descenderán situándose entre os 15 e os 19 graos.
O domingo continuará a inestabilidade, con aire frío procedente do Atlántico. O tempo será de alternancia de nubes e claros con chuvascos illados e ocasionais.
A partir do luns, as altas presións tenderán a reforzarse pero aínda permanecerán os ventos do oeste con nubes e a posibilidade de chuvascos ocasionais.