Xustáns prepárase para percorrer dez quilómetros coa procesión de San Roque
Por Oskar Viéitez
A parroquia caldelana de Xustáns celebra este sábado 21 unha das súas tradicións máis sentidas, a procesión de San Roque. Santo protector ante a peste e toda clase de epidemias, cuia intervención foi solicitada polos habitantes deste lugar de Ponte Caldelas.
A peculiaridade desta procesión é que a imaxe do santo percorre uns dez quilómetros por todos os barrios da parroquia de Xustáns, cunha duración aproximada de tres horas e media, acompañados dun grupo de gaiteiros.
Neste percorrido pasan ao carón de todos os cruceiros da parroquia que son engalanados polos nenos, rivalizando entre eles para ver cal é o mellor adornado con flores e uvas, vides, espigas e outros materiais naturais propios desta tempada.
Outro costume é que a comisión organizadora está formada por un membro dos barrios de Aluncia, Baltar, Chan do Casal e o Sobreiro que, rematado o seu traballo, escollen ás persoas que formarán a comisión para o ano seguinte.
A procesión supón un vencello entre a veciñanza, que involucra a nenos e maiores.
Ademáis da procesión a programación incluiu unha Festa do pincho "da terra", celebrada o pasado sábado, e unha xuntanza de motos e coches clásicos prevista para este venres día 20.