Tenorio prepárase para a V Festa do Pan de Millo e Ovo
Por Redacción
A parroquia de Tenorio prepárase para celebrar este sábado, 21 de setembro, a V Festa do Pan de Millo e Ovo.
O certame, organizado pola Asociación Cultural Foula, arrincará ás 13:00 horas no Campo da Festa de Tenorio coa actuación de Os Chaneiros de Marín, que darán paso ao pregón ás 14:00 horas. Posteriormente, a sesión vermú amenizarana os Pandereteiros do Val de Quireza.
Unha vez finalizada a animación musical, dará comezo a cita gastronómica, na que se servirán uns mil ovos con pan de millo a tres euros a parella. Así mesmo, tamén haberá outros produtos como churrasco, empanadillas de pan de millo ou callos a prezos populares ata esgotar existencias.
Ás 17:00 horas, a banda infantil Unión Musical de Tenorio e a Banda de Música Unión de Lantaño, serán as encargadas de poñer o toque musical, antes da presentación do libro 'O bailegrama' e o taller do mestre Serxio Cobos a partir das 18:00 horas.
Ademais, durante todo o día haberá unha feira de artesanía, xogos populares con monitores e inchables.
Para acabar a xornada, a partir das 20:00 horas os Jinetes do Trópico, Fiandola e Metalxis clausurarán a festa gastronómica con animación musical e O Bruxo do Río preparará unha queimada para todos os presentes.