Os bares de Marín celebrarán o San Migheleiro o día 28 de setembro
Por Redacción
A vila marinense prepárase para celebrar o San Migheleiro, unha festa pensada para vivir nas rúas e nos bares do municipio e que se celebrará o próximo 28 de setembro durante todo o día.
O Patronato fixo público o cartel desta nova edición, que xa é a vixésimo novena, e a lista provisional dos establecementos que conformarán os cinco tramos da ruta que se fan este ano.
En canto á animación musical, haberá charangas e batucadas durante todo o día.
O Concello de Marín, que colabora co Patronato, anima a todos os bares que aínda non formalizaran a súa adhesión á ruta a poñerse en contacto con eles ou cos organizadores, para poder pechar a lista definitiva de establecementos participantes.
Finalmente, anima a todos os marinenses e visitantes a que collan unha camiseta a raias e un gorro de palla e veñan desfrutar dunha xornada festiva en Marín.
A Concellaría de Medio Ambiente, consciente do nivel de residuos que xera o San Migheleiro, instalará na Alameda, en horario de 11.00 a 15.00 horas, unha carpa na que dous monitores ofrecerán información á cidadanía sobre como separar correctamente os refugallos e farán entrega de bolsas de tea a quen así llo solicite. Esta iniciativa faise dentro da campaña Separar Con Xeito da Xunta de Galicia.
Por outra banda, tamén se colocará na Alameda a Caravana Morada, un punto de referencia para garantir unha festa igualitaria, libre e segura. Entre os servizos que ofrecerá a caravana destaca o acompañamento, a atención psicolóxica e a canalización de denuncias de comportamentos inapropiados que se poidan dar durante a festa.