O Seprona localiza o responsable dunha vertedura de líquido verde no río O Con que provocou a morte de troitas
Por Redacción
Axentes do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil identificaron a orixe dunha vertedura contaminante que, segundo a investigación, causara a morte dunha pequena cantidade de troitas no río O Con ao seu paso por Vilagarcía de Arousa.
A Patrulla do Seprona de Vilagarcía comezou a investigación ao ter constancia da presenza dun líquido verde contaminante que procedía dun colector de pluviais á altura do parque da Coca, situado no centro urbano da vila.
Unha vez que se levantaron as arquetas de pluviais e de inspeccionar ás empresas situadas nas proximidades, os axentes comprobaron que o líquido procedía das obras de rehabilitación das fachadas de varios edificios próximos ao río.
Supostamente, segundo a investigación, a vertedura foi accidental a través da rede de pluviais mediante os desaugadoiros das terrazas cando os obreiros lavaban o material. Utilizouse un trazador para constatar a continuidade da vertedura desde as terrazas ao colector onde se detectou a vertedura.
Un axente do Plan de Control de Verteduras de Augas de Galicia tomou mostras, que foron remitidas a este organismo autónomo para que procedan á análise.
O Seprona identificou o xerente da empresa construtora ao que se lle denuncia como presunto responsable dunha infracción tipificada na Lei de augas da Xunta de Galicia, administración á que os axentes trasladaron o informe-denuncia.