Malestar veciñal en Campañó pola inseguridade viaria nunha pista de Parada de Arriba
Por Redacción
Residentes na zona de Parada de Arriba na parroquia pontevedresa de Campañó manifestaron o seu malestar pola situación de inseguridade viaria que sofren nesa contorna.
Sinalan que numerosos condutores circulan a elevadas velocidades por estas pistas de escasos metros de ancho. Segundo afirman, a instalación de lombos en diferentes estradas da parroquia resultou unha medida insuficiente e de escasa eficacia.
Afirman que o trazado do vial é moi perigoso con curvas totalmente cegas, cambios de rasante e con vivendas a escasos metros do asfalto. Indican que se repiten os accidentes nesa pista de Parada de Arriba e normalmente como consecuencia do exceso de velocidade co que se circula por este tramo como sucedía o primeiro sábado deste mes de setembro cando un turismo derrubaba un poste da luz.
Denuncian tamén que estas estradas mesmo chegan a ser utilizadas por talleres mecánicos para realizar probas cos automóbiles, o que provoca un incremento de circulación con perigo tanto para peóns como para os ocupantes doutros vehículos.