Investigan a propietaria dun restaurante polo furto continuado de hortalizas en Meaño
Por Redacción
Unha propietaria dun restaurante do municipio de Meaño e dúas persoas que colaboraban con ela de forma habitual foron identificados por axentes da Garda Civil como presuntos autores dun furto continuado de hortalizas.
O propietario dunha leira denunciou que, desde hai varios anos, desaparecíanlle os distintos produtos que cultivaba no terreo situado nas proximidades dun restaurante. sobre cuxa propietaria recaeron as principais sospeitas. Segundo a Garda Civil, o valor das hortalizas subtraídas durante este 2019 superan os 1.500 euros.
Durante a madrugada do martes, a Garda Civil recibiu unha alerta a través do 062 sobre a presenza de varias persoas con lanternas na leira. No momento en que chegou a patrulla de seguridade cidadá do Posto principal de Sanxenxo, os asaltantes déronse á fuga.
Os axentes localizaron o vehículo da propietaria do restaurante estacionado nas proximidades da parcela. Unha hora máis tarde, a patrulla detectou á propietaria conducindo o vehículo cando regresaba ao domicilio. No asento traseiro portaba un fouciño e no maleteiro transportaba cenorias e tomates.
A condutora do vehículo, de 55 anos, identificouse como a dona do restaurante e os dous homes de 40 e 45 anos que a acompañaban son persoas que colaboran habitualmente no establecemento. Ante os indicios, foron notificados como presuntos autores dun delito continuado de furto.
A Garda Civil mantén aberta a investigación para comprobar cantas persoas víronse afectadas por estes furtos. As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Cambados.