A Fiscalía pide 12 anos de prisión para un pontevedrés por abusar sexualmente dunha menor filla dunha amiga
Por Oskar Viéitez
A Sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves día 19 un xuízo por un suposto caso de abusos sexuais.
Un home enfróntase a unha petición de doce anos de prisión e cinco anos de liberdade vixiada por presuntamente abusar da filla de dez anos dunha muller coa que estableceu amizade.
O caso procede do Xulgado de Instrución número un de Pontevedra.
O escrito de acusación da Fiscalía relata que o acusado, con antecedentes penais non computables a efectos de reincidencia, trabou amizade con esta muller e coas fillas desta, e "pouco a pouco foi gañándose a súa confianza ata o punto de que nalgunha tempada na que el non tiña lugar onde durmir, permitíronlle que pernoitase no domicilio familiar".
O grao de relación evolucionou ata tal punto que a filla comezou a quedar a durmir na vivenda do acusado, "primeiro de forma esporádica e logo de forma máis continuada".
O procesado e a menor durmían na mesma cama e "aproveitando o sentimento de afecto que a nena tiña cara a el, movido pola intención de satisfacer os seus desexos sexuais, comezou a efectuarlle tocamentos, incluíndo polo menos unha penetración parcial".
O escrito de Fiscalía recolle que ademais, en varias ocasións o home puxo películas de contido pornográfico nunha tablet e víaas en compañía da menor. "Varias veces mostroulle como debía facer para masturbarlle ou realizarse felacións".
O Ministerio Público asegura que esta situación mantívose durante varios meses causando na menor "unha alteración no seu grao de madurez sexual cun espertar sexual non adecuado para a súa idade".
Ante esta acusación a Fiscalía solicita doce anos de prisión por un delito continuado de abusos sexuais, a prohibición de aproximarse a menos de 300 metros da vítima e de comunicarse con ela durante 15 anos. Ademais, propón a medida de liberdade vixiada durante cinco anos unha vez que cumpra coa pena de prisión e establece unha indemnización de 30.000 euros.