Moraña afronta a fase final da mellora do acceso á igrexa de Rebón
Por Redacción
O Concello de Moraña afronta a fase final do proxecto de mellora viaria integral na parroquia de Rebón, orientado a incrementar a seguridade e favorecer a circulación na trama interna de pistas nos lugares do Calvo, San Pedro e Rebón de Arriba e no que tamén se está a executar a humanización, coa construción dun acceso peonil en pedra, da contorna da igrexa parroquial de San Pedro.
O proxecto de pavimentación de camiños municipais de Rebón, que está a ser realizado por Covsa cun orzamento duns 100.000 euros, centrouse na limpeza das cunetas e no máximo aproveitamento da calzada coa dotación dunha nova capa de rodadura que optimiza os sobreanchos existentes e facilita a circulación simultánea de dobre sentido.
En canto ás obras concretas de cada lugar, no Calvo procedeuse á renovación do asfaltado en 970 metros e a unha pequena dotación de formigonado de rampla nun treito; en Rebón de Arriba dotouse de novo pavimento a un treito de pista de 740 metros; mentres que en San Pedro renovouse o firme en 722 metros de estrada e estase a acometer o empedrado do acceso á igrexa. En concreto, prevese enlousar un gran carril peonil duns dez metros de anchura con bordiño perimetral de pedra.
"Ademais de renovar e ensanchar 2,5 quilómetros da trama viaria de Rebón, tamén estamos embelecendo e mellorando as condicións peonís da igrexa, polo que a mobilidade da parroquia quedará en óptimas condicións", explicou a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro.