Marín adhírese ao Pacto de alcaldes polo clima
Por Redacción
O Pleno da Corporación apoiou este xoves por unanimidade a adhesión do Concello de Marín ao Pacto de alcaldes e alcaldesas polo clima e a enerxía, unha iniciativa promovida pola Unión Europea e que será coordinada en Galicia polo Goberno autonómico, co fin de conseguir que os concellos sexan sostibles enerxeticamente.
A adhesión implica, segundo expuxo na sesión plenaria a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, "asumir os obxectivos adoptados pola Unión Europea para frear o cambio climático, adoptando as medidas necesarias para reducir, de aquí ao 2030, o consumo enerxético e as emisións de CO2, ao tempo que se aumenta o uso de enerxías renovables".
Estas actuacións deberán levarse a cabo en edificios, instalacións, equipamentos e no transporte, tanto público como privado, así como nos ciclos de tratamento de augas residuais e dos residuos sólidos urbanos.
Por outra banda, o Concello terá que tomar medidas de adaptación fronte aos riscos e vulnerabilidades aparelladas ao cambio climático, como son as secas, a elevación do nivel do mar, ou unha maior frecuencia dos episodios de temperaturas extremas e chuvias torrenciais.
Agora, o Concello deberá elaborar un plan de acción co que se garanta o cumprimento destes obxectivos antes de que chegue o 2030. Tanto para a súa redacción como para implementalo no futuro, o Concello contará co apoio da oficina técnica do Pacto dos Alcaldes, posta a disposición de todos os municipios galegos pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, dependente da Consellería de Medio Ambiente. O cometido deste órgano será a de asesorar de maneira individual ao Goberno local marinense para levar a cabo todas as accións dependentes do Pacto.
Ademais, Sanmartín anunciou no Pleno que o 22 de outubro a vila marinense acollerá a presentación oficial do pacto a esta oficina. Neste acto, contarase ca experiencia práctica dun representante dalgún dos concellos que xa están adheridos ao plan.
O Pacto foi lanzado en Europa no ano 2008, e implica xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo. Ademais, con esta adhesión contribúese á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolvido polas Nación Unidas para acadar un mundo máis xusto e sustentable.
Relacionadas:
-
Xornada de traballo dos alcaldes polo clima en Marín
Por Redacción |
-
O BNG urxe adoptar unha serie de medidas para frear a situación de emerxencia climática
Por Oskar Viéitez |
-
O Observatorio Urbano fará un estudo actualizado do efecto do modelo de cidade na calidade do aire
Por Natalia Puga |
-
A preocupación polo cambio climático aumenta os convites internacionais a Pontevedra
Por Alejandro Espiño |