Educación instala o novo comedor do colexio da Reigosa
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz e o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, visitaron este venres o CEIP da Reigosa co obxectivo de comprobar a instalación do novo comedor deste centro educativo.
Na visita estiveron acompañados da Anpa do centro. presidida por María Argibay; da Inspección Educativa e de responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial.
A obra contou cun orzamento de 26.700 euros, e supuxo a instalación dun módulo prefabricado “dadas as características do centro e da parcela na que se sitúa”, explicou Pérez Ares, xa que “no edificio, que conta cun semisoto, planta baixa e alta, non hai espazo para situar este comedor, xa que tódalas aulas están a ser utilizadas e non hai posibilidades nin dunha ampliación nin dunha reorganización de espazos”.
O novo módulo, que estará completamente rematado en dúas semanas, contará cun aseo interior, “aínda que o centro e o ximnasio contiguo contan con aseos que poden darlle servizo”. Inclúese no módulo tamén un equipo de aire acondicionado, e tódolos servizos de auga, saneamento e subministro eléctrico.
Para a instalación do novo comedor foi necesario contar cun transporte especial, o que adiou lixeiramente a súa posta en marcha ata o día de hoxe.
O comedor contará cun fregadeiro máis un mesado, e con mobiliario que será instalado unha vez que o colexio concorde o número de alumnos que utilizarán o servizo, que roldará os 40. “A Anpa levará a cabo agora unha nova enquisa para coñecer cantas familias estarán interesados en utilizar este servizo e de cara a poñer en marcha tódolos trámites para a contratación do cátering”, explicou a dirección do centro.
O alcalde da localidade, pola súa banda, agradeceu o investimento levado a cabo nesta obra se comprometeu co xefe territorial de cara a afrontar novas melloras de mantemento no CEIP da Reigosa.
A Consellería de Educación investiu neste colexio máis de 177.000 euros en obras como a reforma da instalación do sistema de calefacción, a renovación da fontanería ou a reparación do ximnasio.
O alcalde lembrou que o comedor no CEIP da Reigosa é unha demanda histórica e que se vén reclamando con especial insistencia ao longo dos máis de catro anos do mandato de Andrés Díaz sen atopar acollida favorable na Administración autonómica ata comezos deste ano que deron o visto bo e aprobaron esta medida tan solicitada.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas humanizará a Avenida de Galicia e a estrada do balneario
Por Redacción |
-
O módulo para o comedor do colexio da Reigosa, listo para a chegada do alumnado
Por Redacción |
-
O Concello e o IES de Ponte Caldelas asinan un acordo para organizar actividades culturais
Por Redacción |
-
Varias escolas de Marín súmanse ao servicio de comedor
Por Redacción |
-
Recollen sinaturas en Ponte Caldelas para reclamar un comedor e melloras no ximnasio do CEIP A Reigosa
Por |