Telmo Martín pide unha contribución especial aos veciños para reformar a Praza do Pazo
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín presentou este mércores aos veciños que viven na contorna, o proxecto de reforma da praza do Pazo.
O Concello pretende mellorar a súa estética, humanizala mediante a creación de espazos verdes e arboledos e impulsar a actividade dos locais comerciais.
O investimento previsto é de 522.549 euros. A idea do goberno local do Partido Popular é que propietarios lindeiros da praza fagan achegas económicas para o cofinanciamento deste proxecto.
Segundo explica Telmo Martín a Lei de Réxime Local contempla a figura das "contribucións especiais" dos veciños para o "cofinanciamento" de proxectos, que melloren substancialmente as rúas nas que residen.
A praza inclúe dúas zonas, a superior, na que destaca un espazo de 675 metros cadrados, para espectáculos e concertos. Ademais dunha zona axardinada de 195 metros cadrados. Na zona inferior haberá un amplo espazo libre pavimentado en pedra de 443 metros cadrados e un xardín de 144 metros cadrados.
Para comunicar a zona superior e inferior e estas con os locais comerciais, o proxecto establece percorridos accesibles que inclúen a mellora de accesibilidade das dúas escaleiras que ten a praza e unha rampla, en dous tramos, que se prolongará desde a avenida de Madrid ata a parte superior da praza. Tamén está previsto intervir nos soportais para mellorar a súa imaxe.
Nas zonas axardinadas está prevista a plantación de árbores de folla caduca para mellorar a temperatura no verán e inverno que, ademais, axudarán a mellorar a imaxe da praza xunto co novo mobiliario, a pavimentación en granito e unha fonte con 10 chorros.