A nova residencia de maiores de Cerdedo deixa ver xa a súa estrutura
Por Redacción
As obras da nova residencia de Cerdedo avanzan a bo ritmo. A empresa Ogmios Proyecto completará a próxima semana a fase principal destes traballos co remate da estrutura xeral e o forxado de formigón da planta.
Deste xeito, dende a segunda quincena do presente mes de setembro arrancarán os traballos de albanelería. Con esta situación, e segundo informaron os responsables desta obra, o novo centro vai cumprindo os prazos, polo que mantense o final dos traballos para abril de 2020.
De non mediar ningún atranco no próximo inverno, o recinto estará acabado na primavera e poderá comezar a equiparse e a realizar os demais trámites administrativos co obxectivo de que abra as súas portas entre finais do vindeiro ano e comezos de 2021.
O novo xeriátrico público, que contará con 48 prazas e disporá a posibilidade de que o Concello reserve prazas para a atención aos veciños que a poidan precisar, supón un investimento integral da Xunta de Galicia de 1,7 millóns de euros.
A futura residencia disporá de 24 habitacións dobres en dúas plantas e numerosos espazos comúns e de servizos e estase edificando en dúas parcelas lindeiras ao actual centro de maiores.
Unha vez rematada esta actuación, a actual residencia reconverterase exclusivamente en centro de día cunha oferta de trinta prazas, o que permitirá completar a modernización da rede da localidade con 78 prazas nas dúas modalidades: residentes e atención de día.