Todo preparado no Xuviño para celebrar a terceira Romaría da Renda
Por Redacción
O ámbito da capela da Renda, no Xuviño, acollerá o próximo domingo 15 de setembro a terceira edición da Romaría da Renda. Os seus organizadores, a ACDeM Armadiña, invitan a todos os veciños a preparar a gorxa, as cadeiras e o bandullo para gozar cantando, bailando, tocando e tamén xogando nesta xornada festiva.
A romaría, que será para todos os públicos, comezará co Roteiro dos lavadoiros, que partirá ás 10:30 do cruceiro das Mosquiñas e pasará a continuación polos lavadoiros da Cela, Redondo e Sidrás. Rematará como é de costume na Renda.
Dende primeira hora da mañá haberá un "Taboleiro da memoria" onde se colgarán fotografías antigas de álbums de familias de Combarro que mostrarán imaxes do lugar, así como celebracións levadas a cabo na Renda. Tamén haberá un espazo de xogos tradicionais.
No Xuviño a festa comezará coa actuación destinada para o público infantil de Cé Orquestra Pantasma ás 12:00 horas e a sesión vermú dará comezo ás 13:00 horas coa música das Punkiereteiras.
Tras o xantar, terá lugar unha sobremesa cantareira ao ritmo da música tradicional e dende as 16:30 horas abrirase outro espazo dedicado ao xogo tradicional, "Xogando Miudiño", onde haberá brinquedos coma os zancos, a ferradura, tiracoios ou construcións que porán a proba a destreza das crianzas e de todas as persoas que se atrevan a xogar.
Ás 17:30 horas haberá unha sesión de baile tradicional amenizado pola Escola de Música Tradicional de Poio. Durante esta actuación o grupo de baile da Armadiña bailará unha Muiñeira de Chantada, peza que levan ensaiando no último mes.
Ademais, por segundo ano haberá un concurso de manteis. O mantel máis bonito xunto coa mellor decoración da mesa levarán premio, así que a asociación Armadiña anima a toda a veciñanza a participar no concurso e a celebrar esta romaría popular.