Xogadores de videoxogos de alto nivel competirán esta fin de semana en Pontevedra
Por Redacción
O torneo de videoxogos 'Rise of Atlantis' celebrarase esta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra. Trátase dun torneo clasificatorio enmarcado dentro do circuíto estatal 'smash la cúpula'.
O concelleiro de Mocidade, Alberto Oubiña, o organizador de torneos smash, David Otero, e os membros da asociación pontevedresa Gaming Troop, Marcos González e Diego Seoane, foron os encargados de presentar o campionato durante a mañá deste mércores.
Segundo explicou David Otero, o campionato reunirá "a moitos xogadores de alto nivel de todo o Estado" grazas a que a comunidade de xogadores galega é moi activa dentro da comunidade estatal, tanto a nivel organización de eventos como desprazando xogadores a outros lugares.
O campionato dividirase en tres competicións diferenciadas durante os días 13, 14 e 15 de setembro. O venres celebrarase a competición 'crews', para equipos de cinco persoas; o sábado serán as individuais; e por último, o domingo será a quenda das competicións 'teams', é dicir, por parellas.
Este torneo é o segundo de carácter rexional despois do celebrado en Vigo fai seis meses, e contará con xogadores procedentes de Valladolid, País Vasco, Cataluña, Madrid e Burgos.