Ponte Caldelas acollerá a xuntanza anual do Clube Camper Galicia
Por Redacción
Ponte Caldelas acollerá a undécima xuntanza Anual do Clube Camper Galicia. A cita comezará o venres 27 coa chegada ao punto de encontro, a explanada de Chan da Barcia, e a entrega dun "pack de benvida" dos participantes que contén información turística de Ponte Caldelas. Nesa xornada a vila do Verdugo acollerá unha cea comunitaria.
O sábado 28 comezará a xornada cunha actividade de recuperación do bosque autóctono en colaboración cos amigos do colectivo local "A Rente do Chan" co que o clube vén colaborando dende o pasado ano a raíz dos incendios sufridos no 2017.
Ao remate desta actividade os participantes tomarán un viño polo centro de Ponte Caldelas. Xa pola tarde chegará a quenda de desfrute dos máis pequenos co espectáculo "La maleta de la abuela" a cargo da actriz, titiriteira, filóloga e contadora de historias Raquel Queizás.
Tras esta actividade na xornada do sábado terá lugar a asamblea anual ordinaria do Clube Camper Galicia. Nela farase balance do periodo 2018/2019 e sairán as propostas do vindeiro ano. A xornada do sábado finalizará co concerto do grupo The Velvet Crab.
A derradeira xornada, a do domingo 29 de setembro, será un día de actividade libre. Os asistentes poderán coñecer as paraxes deste concello, como a praia da Calzada a área arqueolóxica de Tourón ou realizar algunha das rutas de sendeirismo que oferta Ponte Caldelas. Tamén haberá mercadillo camper e concurso de petiscos.
Dende o Concello, o seu alcalde, Andrés Díaz, convida a todos os membros do Clube Camper a vir a esta xuntanza e tamén aos visitantes xa que poderán desfrutar destas furgonetas e das numerosas actividades que ofrece Ponte Caldelas.
A organización agradeceu a colaboración do Concello facilitando un amplo aparcamento para as furgonetas, aseos e zona cuberta para a reunión por se as condicións meteorolóxicas fosen adversas. Dende o Clube Camper Galicia fan fincapé ademais de que a participación nesta xuntanza é aberta e gratuíta.