As máquinas empezan a traballar no medio dun novo capítulo do "culebrón da Vía Verde do Salnés", que xa dura dous anos
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
As máquinas xa están a traballar para habilitar a que será a primeira Vía Verde íntegra en territorio galego, a Vía Verde do Salnés, que comprende 9,2 quilómetros de trazado nos municipios de Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa e Portas. As obras, que está a realizar a empresa Tragsa, execútanse froito don convenio entre os tres municipios e a Deputación Provincial de Pontevedra, de maneira que este mércores recibiron a visita da presidenta provincial, Carmela Silva, e os alcaldes dos dous primeiros concellos, Juan Manuel Rey e Alberto Varela.
Carmela Silva aproveitou a visita ás obras no límite entre Caldas e Vilagarcía para recordar os datos do proxecto e tamén para falar do que considera que é un culebrón que xa dura dous anos, "o culebrón da Xunta de Galicia coa Vía Verde do Salnés", do que esta semana se puido saber que o próximo luns haberá un novo capítulo, unha nova reunión entre os tres concellos e o Goberno galego.
Tanto a presidenta provincial como os alcaldes de Caldas e Vilagarcía criticaron a actuación da Xunta, que hai xa dous anos ofreceu financiamento para a actuación e, a día de hoxe, non se sabe nada deses cartos. Na opinión dos tres dirixentes socialistas, a "única explicación" a esa falta de apoio é que Vilagarcía e Caldas "non as goberna o PP".
"É incomprensible que a Xunta de Galicia non teña sido a primeira en promover esta actuación", criticou Carmela Silva, que lamentou que como a Xunta de Galicia non cumpra co seu compromiso, non se poderá ter o trazado completo. Ademais, manifestou o desexo de que nesa nova reunión se avance de cara á sinatura do citado convenio cos concellos: "só teñen que aportar o investimento, ata o proxecto da súa parte do trazado tivémolo que facer na Deputación de Pontevedra".
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, comparte a idea de que "só motivos políticos teñen lastrado" o proxecto e destaca que supón unha iniciativa que fará que Caldas e Vilagarcía sexan "pioneiros" e se reforcen como "capital do sendeirismo".
O rexedor de Vilagarcía, Alberto Varela, ve unha "lástima" que un día que debería ser de "ledicia" por estar en marcha unha infraestrutura "de referencia" non o poida ser pola "deixadez de funcións" e "obstruccionismo" da Xunta de Galicia e insiste en que "se o alcalde de Caldas e o alcalde de Vilagarcía non foran socialistas, teríase firmado hai tempo" ese convenio.
Varela pide á Xunta que "deixe de obstaculizar" este proxecto e permita que a primeira Vía Verde integramente en territorio galego "se poida rematar canto antes".
Tragsa está a acometer obras de acondicionamento no marco dun convenio entre a Deputación e os concellos que ascende a máis de medio millón de euros. Carmela Silva destacou que as obras avanzan a bo ritmo e quixo poñer en valor que tanto a xefa de obra como a directora de obra son mulleres, "polo tanto, a obra vai saír estupendamente ben".
Relacionadas:
-
A primeira Vía Verde de Galicia xa é unha realidade no Salnés: "esta provincia volve ser referencia"
Por Redacción |
-
As obras da segunda fase do proxecto da Vía Verde do Salnés comezarán a mediados de marzo
Por Oskar Viéitez |
-
Medio Ambiente completará a comezos de 2020 o itinerario da Vía Verde do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Medio Ambiente reitera o seu apoio económico coa primeira Vía Verde do Salnés
Por Redacción |
-
A Deputación esixe á Xunta que cumpra co seu compromiso para executar a vía verde do Salnés
Por Oskar Viéitez & Nacho Fuentes |
-
Pistoletazo de saída para acondicionar a Vía Verde do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Medio Ambiente colaborará na vía verde ferroviaria que unirá Portas, Caldas e Vilagarcía
Por Redacción |
-
A Deputación comprométese a investir 200.000 euros na Vía Verde do Salnés
Por Redacción |
-
Os alcaldes de Vilagarcía, Caldas e Portas concretan os trámites para executar a Vía Verde do Salnés
Por Redacción |
-
O Adif desafecta a vella liña do tren entre Vilagarcía e Caldas
Por Redacción |