Restablecida a circulación na rúa Progreso tras o escape de gas
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
As obras de reforma da rúa Progreso rexistraron este mércores un incidente ao romper unha tubaxe do gas.
O 112 Galicia foi alertado polo Servizo Local de Xestión de Emerxencias de Sanxenxo ás 10.15 horas deste mércores dun escape de gas provocado por unha pa escavadora ao romper accidentalmente a condución.
Segundo informou o Concello de Sanxenxo, o escape obrigou a desaloxar temporalmente un edificio situado fronte á gabia onde se produciu a avaría. A Garda Civil precisou que foron "unhas 50 persoas" as que saíron das súas residencias durante o escape.
Ata as 13.00 horas, momento no que se restableceu a situación, estivo cortada ao tráfico a PO-308 na rúa Progreso, sendo desviada a circulación neste punto por Padriñán.
O Concello de Sanxenxo explicou que un axente da policía mareouse lixeiramente como consecuencia da inhalación de gas. Os servizos sanitarios do 061 puxéronlle osíxeno co que enseguida se recuperou e puido seguir traballando con normalidade. A Garda Civil engade que outras dúas persoas foron atendidas no momento sen que fose necesaria a súa evacuación.
As medicións realizadas polos bombeiros de descartaron a presenza de gas nas vivendas.
Interviñeron neste incidente a Policía Local e o Servizo de Emerxencias de Sanxenxo, os Bombeiros do Salnés, a Garda Civil e o Servicio de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.