Starbucks pon o seu 'primeiro pé' en Pontevedra cun autoservizo no campus
Por Alejandro Espiño
A multinacional estadounidense Starbucks chega a Pontevedra. Iso si, non será cunha cafetería tradicional. Polo menos de momento. Trátase dun 'corner' que estará situado no campus universitario e que permitirá aos clientes gozar do seu café mediante autoservizo.
Esta zona, que recibe o nome de 'Starbucks on the go', está situada na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e está xestionada pola compañía Selecta, que explota este concepto de maneira exclusiva para Europa.
Este formato modular, decorado coa clásica imaxe de Starbucks incorpora tecnoloxía de última xeración, leite fresco co seu toque xusto de escuma e unha ampla selección dos cafés orixinais Starbucks, cos mesmos grans que hai nas súas tendas.
Así, os estudantes poderán escoller entre máis de cen opcións de bebidas diferentes, en diferentes tamaños ou mesmo personalizalos cun toque de vainilla, sirope de caramelo ou unha dose extra de café.
Entre os tipos de bebidas que se poden consumir estarían o café espresso, espresso macchiato, caffè americano, caffè latte, cappuccino, latte macchiato, caffè mocha, chocolate quente ou lattes fríos como vainilla latte, entre outros.
Este servizo foi inaugurado este martes por responsables do campus de Pontevedra e da compañía Selecta. Foi nun acto no que se deu a coñecer o funcionamento da máquina e as variedades de café que ofrece.
Durante toda a mañá, os estudantes puideron degustar o café de maneira gratuíta.